Noticias

Noticia publicada en el periódico, El Progreso de Lugo, el día 12/11/2025. Tiempo de lectura 5 min.
Periodico
El Progreso de Lugo

Nélida Fernández, xeriatra que fala nas Charlas Médicas de Foz: "As caídas máis frecuentes son favorecidas por medicamentos"

A especialista repasará os factores de risco e dará recomendacións sobre medidas a adoptar no fogar e a nivel de exercicio físico para evitar estes episodios que poden ter consecuencias graves para as persoas maiores.

Nélida Fernández, veciña de Burela e médica especialista en Xeriatría no Hospital da Mariña, protagoniza a cita de mañá nas Charlas Médicas de Foz, ás oito da tarde na casa da cultura, onde falará de Prevención de caídas: Unha ferramenta para manter a independencia, especialmente destinada a persoas maiores.

Que vai abordar nesta charla?
Eu son médico xeriatra e dentro da Xeriatría hai distintos síndromes como son as alteracións da marcha e as caídas. Dentro deste campo é moi importante sobre todo a prevención e a detección precoz, moitas veces vemos pacientes que caen constantemente e non se lle dá importancia, vese como algo normal, e realmente unha caída para nós os xeriatras é un dato de alarma que nos fai pensar que algo non está ben nese paciente. É un sinal de alarma que indica que hai que revisar as medicacións que toma porque pode ser que algo non estea ben pautado, ou revisar a funcionalidade da persoa, a masa muscular, como camiña, que forza ten, porque son indicadores que nos permiten saber cal é o motivo da caída e intentar buscar ferramentas para poder corrixila.

Cales son as principais causas das caídas en maiores?
Motivos farmacolóxicos e alteracións propias da marcha e do equilibrio, que ben poden ser inmobilismo e falta de exercicio físico, tanto cardiovascular como de forza, e evidentemente patoloxías médicas cardiolóxicas ou osteomusculares.

Ademais da polifarmacia hai que revisar a funcionalidade do paciente, se hai obstáculos no domicilio ou o tipo de calzado que leva»

Que se pode facer para previr?
A nivel médico é moi importante revisar a medicación. A maioría da poboación maior adoita estar polimedicada e algúns deses fármacos que toma son favorecedores de caídas. Hai distintos artigos científicos que relatan cales destes fármacos que son máis problemáticos e ocasionan estas caídas. Facer unha revisión da polifarmacia sería o primeiro paso a dar. Por outra banda tamén hai que revisar a funcionalidade do paciente: como camiña, que equilibrio ten, que forza ten, ver se usa bastón ou andador, se o precisa ou non, e como o usa, xa que moita xente non o utiliza de forma correcta. Diante de caídas que acontecen no propio domicilio é moi importante vixiar como está ese domicilio, se hai alfombras, pequenos mobles, mesas accesorias ou elementos de decoración que están polo medio da casa e poden favorecer un tropezo. Ademais revísase o tipo de calzado, se usan zapatillas descalzas, xa que o calzado pechado sempre é o mellor para evitar as caídas. Tamén se analizan as revisións propias das patoloxías que teña a persoa.

Cal é motivo máis frecuente de caídas que atopan?
O máis frecuente adoita ser por medicamentos, hai moito abuso de medicamentos sedantes que favorecen moito as caídas e que se prescriben de forma máis habitual, e tamén as favorecen os fármacos da vertixe.

Moitas caídas acaban cunha fractura de cadeira ou húmero que pode chegar a ser moi incapacitante»

Adoitan ter consecuencias graves as caídas para a saúde das persoas maiores?
Son unha das principais causas de mortandade no paciente maior. Moitas das persoas maiores que sofren unha caída acaban cunha fractura de cadeira ou de húmero que pode chegar a ser moi incapacitante e nalgúns casos mortal. Na charla imos repasar os factores de risco e ver que podemos facer para controlalos, para evitar as caídas, e darei unhas pinceladas de recomendacións a nivel do fogar e de exercicio físico, ademais de lembrar cando consultar.

En que momento se debe acudir ao médico?
Calquera adulto maior que teña máis de dúas caídas dentro do mesmo ano debería solicitar unha valoración de risco de caídas, e tamén no caso de que sexa unha caída soa, se esta implicou asistencia médica ou urxente pola gravidade da caída.

Abonda con acudir ao médico de cabeceira?
Existen protocolos e algoritmos para realizar unha valoración inicial e unha vez detectado se a persoa ten un alto risco de caídas xa debería ser valorada por un especialista.

No hospital: «Empezamos un proxecto para revisar nas residencias aos usuarios e evitar ingresos»

En que consiste o seu traballo no Hospital da Mariña?
Formeime como xeriatra no Hospital Universitario de Getafe en Madrid, rematei a residencia en xullo e ofrecéronme traballo no Hospital da Mariña así que volvín á casa, xa que son de Burela. Os primeiros meses estiven na planta de hospitalización de Medicina Interna para familiarizarme co programa e con como funciona todo a nivel administrativo. Agora comecei cun proxecto exclusivo de Xeriatría, un proxecto de colaboración coas residencias de maiores que xa se levara a cabo no Hula.

En que consiste este proxecto?
Empezamos na residencia DomusVi de Viveiro, estou indo dous ou tres días á semana para revisar aos usuarios que viven alí, revisar a polifarmacia e facer unha valoración xeriátrica. O obxectivo deste proxecto é evitar derivacións e ingresos hospitalarios innecesarios, optimizar a xestión e mellorar a calidade de vida destas persoas.

Como xurdiu esta iniciativa? Vaise ampliar a outros centros?
Propuxéronmo desde a dirección do hospital xa que tiña experiencia nun proxecto similar no que estiven durante a miña residencia no hospital de Getafe. Levo apenas un mes pero a intención e ir crecendo e sumando cada vez máis residencias, ir estendéndonos ao resto de centros de maiores da área sanitaria. Empezamos por DomusVi de Viveiro porque é unha residencia onde a poboación que vive alí é moi dependente e temos de vantaxe de que ten a farmacia integrada no sistema hospitalario, así que é máis doado, pero a idea é ir estendendo o servizo polo resto de residencias.

Scroll al inicio
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.

Más información sobre: Política de privacidad